Metodoloxía
Como se pasa dos resultados oficiais por mesa electoral ao mapa: que se conta, como se agrupa o territorio en nacións e que límites teñen os datos.
Eleccións
Eleccións xerais ao Congreso dos Deputados: novembro de 2011, decembro de 2015, xuño de 2016, abril e novembro de 2019 e xullo de 2023. O Senado non está incluído.
Nacións
O mapa le o Estado como un Estado de nacións. Cada comunidade autónoma pertence a unha nación; as nacións de varias comunidades teñen partes interiores, como EAE e Nafarroa en Hego Euskal Herria.
| Nación | Partes |
|---|---|
| Hego Euskal Herria | EAE · Nafarroa |
| Països Catalans | Catalunya · País Valencià · Illes Balears |
| Galiza | As súas provincias |
| Andalucía | As súas provincias |
| Canarias | As súas provincias |
| Aragón | As súas provincias |
| Resto do Estado | Por comunidades autónomas: Asturias, Cantabria, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Extremadura, Madrid, Murcia, La Rioja, Ceuta, Melilla |
Só conta o territorio onde se vota ao Congreso: de Euskal Herria, Hego Euskal Herria (Iparralde vota en Francia), e dos Països Catalans, as tres comunidades do Estado (a Franxa de Poñente queda dentro de Aragón). Asturias, Cantabria e León van no resto do Estado. É unha táboa editorial, que pode revisarse.
Que se conta
- Votantes = votos a candidaturas + votos en branco + votos nulos. Participación = votantes / censo.
- As porcentaxes de cada candidatura calcúlanse sobre os votos a candidaturas, sen brancos nin nulos. Por iso non coinciden coa porcentaxe oficial, que se calcula sobre os votos válidos (cos brancos).
- O voto exterior (CERA, residentes no estranxeiro) non está en ningunha sección nin concello e queda fóra, tamén dos totais de provincia, comunidade, nación e Estado.
- Todo se suma desde a mesa electoral: sección, concello, provincia, comunidade, nación e Estado.
- Os concellos fusionados amósanse como son hoxe en todas as eleccións: Oza-Cesuras (Oza dos Ríos e Cesuras, 2013) e Cerdedo-Cotobade (Cerdedo e Cotobade, 2016).
Candidaturas
Ata a comunidade autónoma, cada candidatura aparece coas siglas coas que se presentou alí (PSC, PSdeG-PSOE, EH Bildu…). Nas nacións de varias comunidades e no Estado agrúpanse pola candidatura estatal á que pertencen, segundo o propio Ministerio: PSC, PSdeG-PSOE e PSOE suman como PSOE.
Para as variacións (▲▼) respecto ás eleccións anteriores, unha mesma forza recoñécese aínda que cambie de siglas (ERC-SOBIRANISTES e ERC, por exemplo). As cores dos partidos son as dunha táboa propia.
Capas do mapa
- Gañador: a candidatura máis votada en cada zona.
- Escanos disputados (só por provincias, que son as circunscricións): votos que lle faltaron á candidatura seguinte para quitarlle o último escano a quen o levou: 1.000 ou menos, 1.000–5.000, 5.000–10.000, 10.000–20.000 e máis de 20.000.
- Participación: 58 % ou menos, 58–64, 64–70, 70–76 e máis do 76 %.
- Bloques: investidura fronte a dereita, en todos os niveis; nas provincias, polo último escano. Ver «Bloques» máis abaixo.
Escanos
Os escanos son os oficiais de cada circunscrición (a provincia; Ceuta e Melilla, un cada unha), publicados polo Ministerio do Interior. Os dunha comunidade, unha nación ou o Estado son a suma das súas provincias; en total, 350. Os concellos e as seccións non teñen escanos propios: neles non se amosan.
Para o último escano de cada provincia, o reparto refaise coa lei D'Hondt: candidaturas con polo menos o 3 % dos votos válidos da provincia (cos brancos) e, nun empate, o escano para a que teña máis votos. Aquí si se conta o voto exterior (CERA), porque o reparto oficial o conta. O resultado coincide cos escanos oficiais en todas as provincias e eleccións. A marxe é cantos votos máis necesitaba a candidatura con máis opcións para quitarlle o último escano a quen o levou, co resto dos votos igual.
Bloques
A capa Bloques reparte as candidaturas en dous bloques, os da investidura de 2023 (unha táboa propia, que pode revisarse):
- Bloque de investidura: PSOE (con PSC, PSdeG-PSOE, PSE-EE…), SUMAR, EH Bildu, EAJ-PNV, ERC, Junts, BNG e Coalición Canaria.
- Bloque da dereita: PP, VOX e UPN.
- Antecesores, nas eleccións anteriores a 2023: os de SUMAR (Podemos e as súas confluencias, IU, EQUO, Más País, Compromís e MÉS per Mallorca), os de Junts (CiU, DL e CDC), Amaiur (EH Bildu), Nós (BNG) e Navarra Suma (UPN).
- Outros: o resto, como Cidadáns, UPyD, Geroa Bai, a CUP, o PRC ou Teruel Existe.
Nas provincias, que son as circunscricións, o mapa pinta o bloque que levou o último escano, máis intenso canto máis votos lle faltaron ao outro bloque para quitarllo (os da súa candidatura con máis opcións): 5.000 ou menos, 5.000–10.000, 10.000–20.000 e máis de 20.000; en gris, se foi para unha candidatura de fóra dos dous bloques. No resto de niveis (nación, comunidade, concello e sección), o bloque con máis votos, máis intenso canto maior é a súa vantaxe sobre o outro: 5 puntos ou menos, 5–10, 10–20 e máis de 20. Na lapela Escanos, os escanos de cada bloque; en Resultados, os seus votos.
Evolución
A lapela Evolución amosa como votou cada zona nas seis eleccións, do Estado ao concello (as seccións cambian dun ano a outro e non se poden comparar). Cada liña é un partido, aínda que cambie de siglas (co nome da última vez); saen os que chegaron ao 4 % algunha vez, como moito sete. Se nunha elección se presentan dúas candidaturas do mesmo partido, conta a máis votada. Coa capa Bloques, unha liña por bloque.
Territorio e seccións censais
- Seccións censais: o INE publica o seccionado a 1 de xaneiro de cada ano. Cada elección debúxase co ano que mellor encaixa coas seccións das súas mesas: novembro de 2011 → 2012; decembro de 2015 → 2015; xuño de 2016 → 2016; abril de 2019 → 2019; novembro de 2019 → 2020; xullo de 2023 → 2024.
- Concellos: contornos do INE de 2025. Provincias, comunidades e nacións saen de unir os seus concellos.
- Os contornos simplifícanse para que a web cargue axiña, sen abrir ocos entre zonas veciñas.
- Os terreos comunais que non pertencen a ningún concello (como as Bardenas Reales) non teñen votantes e saen en gris.
Nomes de lugar
Os nomes de concellos, provincias e comunidades van na lingua do lugar, en todas as linguas da web: os do INE (nos concellos bilingües, a forma local) e, en Hego Euskal Herria, os nomes oficiais en éuscaro. As siglas das candidaturas son as do Ministerio.
Límites coñecidos
- Sen voto exterior (CERA), agás para o último escano: os totais son algo menores que os oficiais.
- Porcentaxes sobre votos a candidaturas, non sobre votos válidos.
- En 2015, nas mesas duns 2.200 concellos, os ficheiros do Ministerio non cadran entre si: o total de votos a candidaturas non coincide coa suma dos votos de cada candidatura (43.289 votos en todo o Estado, o 0,17 %). As porcentaxes calcúlanse sobre a suma das candidaturas (os votos que reparten os escanos) e a participación, cos totais das mesas.
- O seccionado cambia dun ano a outro: unha mesma sección pode non ser comparable entre eleccións. Por iso as seccións non amosan variacións.
- As variacións (▲▼) comparan sempre coas eleccións xerais anteriores.
Comprobacións
Unhas probas automáticas comproban, en cada versión, que o Congreso suma 350 escanos, que coinciden cos oficiais de 2023 e que os votos de cada nivel suman o mesmo que os do nivel inferior.